13 de febrero de 2007

MANIFESTO MUNICIPALISTA

Ante a situación actual dos concellos de Galicia, que sufre o envellecemento progresivo da súa poboación, continúa a padecer a lacra da emigración dos xoves e, como consecuencia diso, unha diminución poboacional, de servizos, e de atractivo social e económico que se reflicte na nosa cada vez maior diverxencia cos obxectivos de benestar de España e Europa é necesario que os concellos recuperen o protagonismo da acción política, deixen de ser suxeitos pasivos das decisións doutras administracións e promovan por si propios políticas de desenvolvemento acaídas ao seu contorno.

Terra Galega reclama unha forma distinta de facer política, de facer país, unha nova actitude municipal: que os concellos promovan un cambio nas estructuras políticas para abandonar a dependencia económica e, polo tanto, política, á que está sometidos desde tempo inmemorial. O sistema actual abonou, en moitos casos, o caciquismo, o clientelismo político e o raquitismo da acción municipal.

A Xunta de Galicia, instrumento imprescindible do autogoberno, debe asumir a necesidade de diálogo cos máis próximos representantes dos galegos e galegas, recoller as súas inquedanzas e aplicalas á confección dos seus programas de actuación e dos presupostos. A descentralización da toma de decisións políticas e económicas, a participación dos concellos na planificación do futuro de Galicia e a coordinación entre distintas administracións públicas nos permitirá construír unha democracia participativa na que todos nos sintamos corresponsábeis do noso futuro.

As Deputacións –sen máis proxecto económico para a provincia que o reparto de subvencións, sen interese en estudar xunto cós concellos as súas necesidades ou prioridades e obstinadas en situarse por riba dos concellos e non ao seu lado- impiden o desenvolvemento racional dos municipios ao detraer aos concellos e ás comarcas, a forma de organización administrativa natural de Galicia, importantes recursos para a posta en funcionamento de programas necesarios e urxentes.

Queremos concellos que recuperen a súa dignidade e sexan protagonistas da vida política da comunidade, que esixan os seus dereitos e elixan ser responsables da súa acción política e da súa xestión económica, e que reciban para a súa planificación os recursos que necesitan segundo a súa poboación, o seu territorio e o esforzo fiscal dos seus habitantes.

Non queremos tutelas paternalistas nos concellos, senón participación na xestión dos recursos e na planificación do futuro do noso país. Polo tanto propoñemos:


OS CONCELLOS, MOTORES DA GALICIA MODERNA E EMPRENDEDORA

1. Calidade de Vida: O Concello é o centro da vida cidadá e, polo tanto, eixo da acción política na nosa terra e instrumento fundamental do benestar do país. O concello non só é unha administración pública legalmente obrigada a prestar servizos mínimos, senón que pode converterse nun ente que dea axeitada resposta ás necesidades e aspiracións dos cidadáns, na procura da mellora da súa calidade de vida.

2. Xeración de recursos: O concello, como empresa pública de carácter social que é, debe analizar as fortalezas e as debilidades do seu contorno, potenciando aquelas e diminuíndo estas, e desenvolvendo políticas de xeración de recursos, creación de emprego e desenrolo social e económico.


3. Apoio aos emprendedores: O concello implicará nestes programas de desenvolvemento ás entidades e axentes socioeconómicos do municipio, fomentando a participación cidadá e involucrando de xeito especial a empresarios e emprendedores como verdadeiros motores da riqueza.

4. Autonomía Municipal: O concello haberá de coordinar as súas políticas activas, en plano de igualdade, coas demais esferas da administración pública, para contribuír á descentralización administrativa, obter maior participación municipal nos tributos recadados e promover a súa autonomía financeira sen descoidar o obxectivo do equilibrio territorial.

5. Comarcalización: O concello non é unha entidade illada. Deberá potenciar a súa participación nas comarcas, áreas metropolitanas e agrupacións de municipios para a toma de decisións que impliquen aproveitar as súas potencialidades, minimizar os custes de prestación de servizos comúns, favorecer a ordenación racional do territorio, protexer o medioambiente e asegurar políticas públicas de calidade.

6. Crecemento ordenado: O concello potenciará o desenvolvemento sostible do municipio e deseñará proxectos a corto, medio e longo prazo co fin de asentar a poboación e alcanzar un crecemento racional dos usos residenciais, industriais, comerciais, de ocio e servizos, dentro do marco do plan xeral de ordenación municipal e a ética política.


7. Defensa do medio: O concello haberá de manter e fomentar o equilibrio físico entre as zonas urbanas e as rurais do municipio coa programación de políticas específicas de respecto e promoción da paisaxe, o medio ambiente e o desenvolvemento urbano, turístico e agrícola.

8. Servizos as persoas: O concello destinará boa parte dos recursos xerados a implantar programas de servizo á comunidade co obxectivo básico da formación integral da persoa e prestando especial atención á cultura, ao deporte e ao tempo de ocio.

9. Equilibrio social: O concello dedicará especiais esforzos a consecución dunha sociedade equilibrada, minimizando as diferenzas sociais e favorecendo accións de promoción e atención á infancia e aos maiores, de acceso á vivenda, de asesoramento familiar, da igualdade entre homes e mulleres e de atención especial aos colectivos da poboación máis desfavorecidos.

10. Liberdade e solidariedade: O concello deseñará e poñerá en práctica políticas de defensa das liberdades cidadáns individuais e colectivas e dos dereitos humanos, e promoverá a solidariedade cos colectivos dos territorios subdesenvolvidos coa mira posta no obxectivo supranacional de “pobreza cero”.

No hay comentarios: